OS MELÓMANOS DOS IV PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA XA TEÑEN DONO
Marcado acento feminino na gala de entrega dos IV Premios Martín Códax que se celebraba este mércores 3 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra. Estes son os galardoados:
POP/INDIE
A súper banda ourensá formada por seis amigos, non só dos músicos senón da música, canta en galego e móvese entre melodías pop, arranxos propios do folk americano e unhas letras que mesturan 50% tradición, con chiscos a Suso Vaamonde ou Luis Emilio Batallán, con outro 50% vangarda. Son reis do directo, onde amosan o seu amplo rexistro mediante a sutileza e a combinación das distintas voces que se suceden.
ROCK
Tras gañar o ‘Vodafone yu Music Talent 2013’, a banda coruñesa de indie-rock Agoraphobia lanza o seu primeiro EP, Dirty Little Things (Dotbeat!, 2014), un traballo de rock competente, guitarrazos punk-rock e riffs brutais. Só un ano despois, Ready to Play (Dotbeat!, 2015) sae ao mercado; gravado integramente nos estudos Nakra (A Coruña), o EP está composto por cinco temas que amosan un son máis maduro, de maior calidade. O éxito deste último álbum levou á banda a realizar a xira Brave Faneca Tour percorrendo toda a Península durante 2016, e a participar no SWSX en Austin (Texas). Agoraphobia retírase agora para compoñer o que será o seu primeiro LP.
JAZZ/MÚSICAS IMPROVISADAS
Iago Fernández Brisa
Tocando e desfrutando da música en festivais e clubes de jazz da Península Ibérica e Europa dende os 20 anos e colaborando con grandes músicos despois dunha extensa formación, Iago Fernández lanza o seu primeiro disco, Agromando, en 2011, ao que seguiron Acougo (2015) e Brisa (2016). Neste último, Iago rodeouse de Enrique Oliver (saxo), Wilfried Wilde (guitarra) e Reinier Elizarde “Negrón” (contrabaixo), un cuarteto con moita complicidade no escenario e que xa está arrasando cos seus directos.
HIP HOP/MÚSICAS URBANAS
Este grupo compostelán nace en 2005 cultivando rap en galego. Cunha gran acollida dende entón, deixáronnos ao longo da súa traxectoria 3 EP e 3 LP con temas que xa son clásicos como "Festa malandómica". Conta con recoñecementos tan importantes como o premio ao Mellor Álbum Nacional do ano 2016 concedido pola revista Rockdelux ademais de seren finalistas da edición deste ano dos Premios MIN da Música Independente na categoría de Mellor Álbum de Hip Hop e Músicas Urbanas. Malandrómeda son pura intensidade e así o demostran coas súas letras cargadas de humor sen prexuízos.
CLÁSICA/CONTEMPORÁNEA
Alberto Vilas Universo Lem
Compositor e pianista, artista versátil que arrisca e aposta por novos xéneros, buscando en todo momento a diversidade na creación dos seus proxectos. Novas sonoridades e improvisacións, elementos fundamentais nas súas pezas que lle axudan a transmitir e comunicar sensacións, rompendo coas formas e as estruturas tradicionais. Todo isto fai del un explorador, un buscador de posibilidades cun motor principal: a creatividade.
FOLQUE
Tres músicos do panorama actual galego cunhas traxectorias que abranguen dende a música de raíz ata o folk, a fusión ou o jazz. Cunha visión da música popular moi particular que mestura a retranca con xogos de palabras e tópicos para entreter ao público, crean deste xeito un novo estilo musical nomeado «tradicomedia».
MÚSICA TRADICIONAL GALEGA
A súa carreira comeza no ano 2003 co grupo Ecléctica Ensemble xunto con Ugía Pedreira, para posteriormente unirse á banda do gaiteiro Budiño, o que lle permitiría enfrascarse nunha xira mundial. Ademais dos seus traballos discográficos en solitario, na traxectoria musical de Salvado destacan as súas colaboracións con Santi Cribeiro e Cristian Silva no espectáculo O ladrón de amorodos e con Cristina Pato, Anxo Pintos e Roberto Comesaña en Rústica (Fol Música, 2015), cos que tamén colaborou en Sing Me Home (Sony Masterworks, 2016), gañador do GRAMMY 2017 ao Mellor Álbum de World Music. O seu último disco en solitario Lobos (Fol Música, 2015) representa unha metáfora da cultura tradicional galega, «o corazón profundo dos bosques, la entraña milenaria da terra, é a que canta pola boca do lobo».
MÚSICAS DO MUNDO
Logo de anos compartindo experiencias musicais, admiración e amizade, Kin García (contrabaixo), Pedro Pascual (acordeón diatónico) e Quim Farinha (violín) forman Talabarte, trío en acústico, puramente instrumental e baseado na música tradicional galega. O seu repertorio mestura melodías populares con acordes de latitudes máis lonxanas, como as polcas, mazurcas ou tarantelas e o seu Fake (Fol Música, 2016) está cheo destes ritmos bailables e música atemporal, conformando un dos seus traballos máis descritivos.
MÚSICA INFANTIL
María Fumaça - Aire!
Un proxecto musical que celebra a vida, que potencia a diversidade a a inclusión social. Rui é o maquinista protagonista da historia, este guíanos xunto con Uxía, Sérgio Tannus, Magín Blanco, Santiago Cribeiro, Tanxarina e Familia Domínguez Senlle, convertindo esta experiencia en toda unha aventura onde os nenos desfrutarán de divertidas e fermosas cancións. María Fumaça é o tren que estabades a esperar, subide e deixádevos contaxiar da súa maxia.
MÚSICA ELECTRÓNICA
Pálida é un proxecto de música electrónica cun estilo, orgullosamente, inclasificable dentro deste xénero. Con 10 traballos publicados e no medio do undécimo, a súa música defínese como unha amálgama de referencias que van desde o rock electrónico ata o shoegaze pasando polo Detroit techno, combinación que resulta nunha experiencia única á par que psicodélica e que chega á súa máxima expresión nos seus intensos directos.
METAL
Logo de catro traballos discográficos e do grande impacto de Héroes (2013), a banda viguesa de metal Aphonnic volve soprender co seu último discazo, Indomable (Maldito Records, 2016), 11 temas moi coidados, de estilo metalcore melódico e metal alternativo nos que a agresividade, a melodía e a forza son protagonistas.
REGGAE/SKA/MESTIZAXE
No 2007 uns vellos amigos e coñecidos da música galega aos que a festa galópalles polas veas, xuntáronse e conformaron O Sonoro Maxín. O seu primeiro disco, A onda sonora (chega do interior) (Inquedanzas Sonoras, 2012), ofrece aos seus espectadores un directo intenso no que demostran como a súa onda non deixa de medrar nin de sorprender. Percorreron a xeografía galega e española, ademais de Portugal e Alemaña, cos seus concertos vibrantes e agora co seu novo traballo, Setedezasete (Inquedanzas Sonoras, 2017), segue a mesma liña, garantindo a festa e ritmos que quentan os corpos con identidade galega. O Sonoro Maxín é precisamente o noso Grupo da Semana en GalicianTunes.
ORQUESTRAS/GRUPOS/MÚSICA DE VERBENA
Áureas en Voga
Nace en 2015 baixo unha historia de ficción ambientada nos anos 20, onde 5 mulleres músicas migrantes se coñecen nun barco e forman un grupo musical internacional. Na realidade son 6 mulleres as que compoñen o grupo, 5 músicas e unha directora escénica (Ailén Kendelman, Cris Márquez, Marina Vigo, Isabel Mouzo, Valentina Alonso e Areta Bolado), que presentan composicións e pezas de autor de fai case un século nas que inclúen ritmos brasileiros, polacos, arxentinos e galegos.
BLUES/FUNK/SOUL
VooDoo
Dúo musical formado por Maritxinha Gómez (baixo) e Belém Tajes (teclado, voz) que se move entre varios estilos musicais coma o acid jazz, o soul, o R&B e o rock. Este proxecto xa foi premiado polo Concello de Santiago de Compostela á Mellor Canción en Galego no Certame Música Xove 2015. Maritxinha e Belém son parte tamén do Cadelo Lunático.
CANCIÓN DE AUTOR
Deserto de centos (Sonaxe Records, 2016) é o primeiro traballo de Sonia Lebedynski en solitario, resultado dunha combinación de todos os estilos dos que bebeu a artista ao longo da súa dilatada e rica traxectoria musica: trad, folque, funk, pop e música brasileira, entre outros. A voz durante dez anos de Fía na Roca presenta un disco de autor que realiza xunto co seu director musical Sérgio Tannus onde atopamos todo o seu universo sonoro e vital.
COROS E GRUPOS VOCAIS
Ejazz
Esta formación fundada en 2012 está composta por catro voces femininas: Ángeles Dorrio, Marga Ramos, Betty Queiro e Carmen Rey, esta última ao fronte como arranxista e directora. Ofrecen unha proposta moi atractiva cantando versións de jazz, soul, bossa-nova ou funk sempre a capella.
ORGANISTRUM FESTIVAIS
Surfing the Lérez: Nado en setembro de 2011, logo dunha gran acollida na súa primeira edición na Sala Karma e unha segunda edición no Centro Histórico de Pontevedra, pasouse a celebrar na Illa das Esculturas en 2013, onde se segue a celebrar a mediados de xuño. Rock‘n’Roll para todas as idades, zona infantil, actividades e mercado tan só por unha entrada simbólica e solidaria: a doazón de alimentos.
ORGANISTRUM SALAS
A Pousada das Ánimas: A sala de concertos está en marcha dende o 1995 e converteuse nun axente recoñecido culturalmente arredor de toda a comarca do Barbanza. Non só se adica a organizar unha maioría da oferta musical e teatral dirixida ao público adulto boirense, senón que pretenden que o pobo se posicione turisticamente a través da programación musical, idea polo que xa foron recoñecidos.
ORGANISTRUM ESPAZOS DE COMUNICACIÓN MUSICAL
Zigzag Diario: Programa da TVG que ten un apartado dedicado ás noticias máis relevantes relacionadas coa actualidade, ademais de afondar cada día nun tema concreto (libros, tendencias, pintura, escultura, arquitectura, interiorismo, moda, música, cine, artes escénicas, teatro, danza, cabaré, entrevistas…), servindo de grande interese para todos aqueles preocupados pola actualidade cultural.
PREMIO HONORÍFICO
Dorothé Schubarth
A propia Schubarth chegada dende Suíza recollía, nun dos momento máxicos da gala, o melómano máis especial. Por medio de novos parámetros científicos de clasificación e metodoloxías de traballo innovadoras, Dorothé acadou reunir cantos de 38 zonas xeográficas galegas, analizounos e catalogounos coa axuda do filólogo da Universidade de Santiago de Compostela Antón Santamarina en 7 volúmenes publicados pola Fundación Barrié baixo o título de Cancioneiro Popular Galego (1984-1995), considerado como a biblia da música popular galega. Todo este material publicado ou inédito foi cedido ao Arquivo Sonoro de Galicia para a consulta pública: 5000 letras e 248 CDs.