• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

COÑECE OS FINALISTAS DA CUARTA EDICIÓN DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. PARTE 4

Coñece os finalistas da cuarta edición dos Premios Martín Códax da Música. Parte 4
28 ABRIL 2017

O 3 de maio estáse a achegar... e hoxe, derradeiro venres antes da celebración da gala dos IV Premios Martín Códax da Música, repasaremos os nomeados nas cinco categorías que faltaban para completar as 16 que se premian: Reggae/Ska/Mestizaje, Metal, Rock, Pop/Indie y Electrónica.

E, xa que estades, botádelle un ollo ao resto de nomeados na primeira, segunda, e terceira entrega.

 

CATEGORÍA REGGAE/SKA/MESTIZAXE

Dakidarría

Dakidarría é un dos grupos que máis está dando que falar no novo panorama musical estatal. Oito músicos que apostan por levar a súa rebeldía e enerxía enriba e debaixo dos escenarios fusionando reggae, ska e punk-rock. Logo de catorce anos nas rúas e cinco discos editados, levaron toda esta enerxía por toda a xeografía española, parte de Europa e unha xira por México.

 

 

O Sonoro Maxín

No 2007 uns vellos amigos e coñecidos da música galega aos que a festa galópalles polas veas, xuntáronse e conformaron O Sonoro Maxín. O seu primeiro disco, A onda sonora (chega do interior) (Inquedanzas Sonoras, 2012), ofrece aos seus espectadores un directo intenso no que demostran como a súa onda non deixa de medrar nin de sorprender. Percorreron a xeografía galega e española, ademais de Portugal e Alemaña, cos seus concertos vibrantes e agora co seu novo traballo, Setedezasete (Inquedanzas Sonoras, 2017), segue a mesma liña, garantindo a festa e ritmos que quentan os corpos con identidade galega.

 

 

Bush Doctors 

Esta banda compostelá de roots reggae fundada en 1994 fai a súa primeira aparición nacional en 2000, cunha actuación no U-Zona Reggae (Barcelona), un dos festivais máis importantes de España naquel momento. Desde entón non pararon, movéndose en festivais e compartindo escenario con Burning Spear, Rita Marley, Sista Carol, Hijas del Sol, Alpha Blondy, Culture, Laurel Aitken, Linval Thompson, Julian Marley, entre outros. Actualmente están a preparar a tempada de festivais do verán 2017 que os levarán, a eles e a súa enerxía, polos festis de renome da Península.

 

 

 

CATEGORÍA METAL

Aphonnic

Logo de catro traballos discográficos, a banda viguesa de metal Aphonnic volve soprender co seu último discazo, Indomable (Maldito Records, 2016), 11 temas moi coidados, de estilo metalcore melódico e metal alternativo nos que a agresividade, a melodía e a forza son protagonistas.

 

 

Tálesien

Con máis dunha ducia de anos na escena metal nacional e máis de douscentos concertos ás súas cóstas, o grupo coruñés Tálesien presenta o seu último traballo discográfico (e homónimo!), Tálesien (Suspiria Records, 2016); 11 temas con letras cargadas de sensacións, melodías extraordinarias e unha técnica impresionante. Palabras maiores do metal feitas, integramente, en Galicia.

 

 

Raiba

Formada por Xavinho (voz), Fran J. Castro (guitarra), F. Bernadini (batería) e Borja García (baixo) no 2009, Raiba xa ten 3 traballos publicados: Por vivir (2011), Versos de revolta (2014) e Historias na pel (2016) e, aínda que o seu estilo principal é o metal, teñen influencias do punk e o hardcore. Actualmente están a gravar un novo disco, desta vez con algunas bases electrónicas.

 

 

 

CATEGORÍA ROCK

Brais Morán

Un dos referentes da música galega da última década, Brais Morán, vocalista e guitarrista da banda Loretta Martin, lanza o seu último traballo Cruzando o eclipse (The Borderline Music, 2015). Gravado nos estudios Abrigueiro por Arturo Vaquero, este proxecto contou con Denís Morán, Miguel Queixas e Manu Seone como banda principal e coa colaboración de Belém Tajes (Luar na Lubre), Cláudia Morán e o tristemente desaparecido Fran Pérez NARF, artista co que coproduce o tema que abre o disco, “Destino”.

 

 

The Soul Jacket

The Soul Jacket, banda de rock clásico fundada entre Vigo e Nigrán (Pontevedra) en 2004, publicou o seu primeiro álbum Wood Mama, gravado en Guitartown Recording Studios de Muriedas (Cantabria) no 2012. No 2013 compón, grava e autoproduce o EP Gunpowder Valley e no 2014 publica un dobre vinilo 12”, Black Cotton Limited, con rock e soul sureño da Norteamérica máis afroamericana. Dous anos despois volve á carga co EP BBQ (2016) e no 2017 presenta o seu proxecto máis ambicioso, The Soul Jacket, novamente gravado en Guitartown.

 

 

Agoraphobia

Tras gañar o ‘Vodafone yu Music Talent 2013’, a banda coruñesa de indie-rock Agoraphobia lanza o seu primeiro EP, Dirty Little Things (Dotbeat!, 2014), un traballo de rock competente, guitarrazos punk-rock e riffs brutais. Só un ano despois, Ready to Play (Dotbeat!, 2015) sae ao mercado; gravado integramente nos estudos Nakra (A Coruña), o EP está composto por cinco temas que amosan un son máis maduro, de maior calidade. O éxito deste último álbum levou á banda a realizar a xira Brave Faneca Tour percorrendo toda a Península durante 2016, e a participar no SWSX en Austin (Texas). Agoraphobia retírase agora para compoñer o que será o seu primeiro LP.

 

 

 

CATEGORÍA POP/INDIE

Os Amigos dos Músicos

A súper banda ourensá formada por seis amigos, non só dos músicos senón da música, canta en galego e móvese entre melodías pop, arranxos propios do folk americano e unhas letras que mesturan 50% tradición, con chiscos a Suso Vaamonde ou Luis Emilio Batallán, con outro 50% vangarda. Son reis do directo, onde amosan o seu amplo rexistro mediante a sutileza e a combinación das distintas voces que se suceden.

 

 

Berlai

Proxecto de Xiao Berlai, baseado en música que bebe de distintos estilos como o indie-pop, o rock, a electrónica, a poesía ou a tradición galega. As súas letras xorden arredor de imáxenes propias do universo galego, mantendo elementos da nosa cultura, envoltos por un indie «rururbano» que encadra o traballo deste artista.

 

 

Xoel López

Un dos artistas máis representativos do panorama independente iberoamericano. Xoel López leva 20 anos enriba dos escenarios, compartindo creacións musicais nas que a natureza, a liberdade creativa e as súas vivencias están sempre presentes nos seus traballos. As viaxes e os descubrimentos sérvenlle de inspiración, bebendo de diversas influencias musicais e sorprendendo ao público co seu potente e intenso directo, deixándoo coa sensación de estar viaxando a outros lugares.

 

 

 

CATEGORÍA ELECTRÓNICA

Malvares de Moscoso e J. CNNR

Poesía e música únense neste proxecto que nos presenta o vocalista Malvares de Moscoso que, co seu spoken word, tráenos tanto versos de composición propia como de poetas do talle de Rosalía de Castro, e o produtor John Connor (J.CNNP), que achega a súa experiencia no xénero electrónico. Unha colaboración posible gracias á editora Língua Nativa e que nace no festival Kerouac Vigo de Poesía 2016.

 

 

2PasOs

Elementos de música electrónica, downtempo e ambient xúntanse para crear este proxecto que nos presenta o produtor galego Manuel Ballesteros. Inicia a súa carreira musical en 2005 e, co paso dos anos, comeza a usar o MPC e a probar distintos xéneros que dan como resultado o que hoxe podemos desfrutar coa música en directo de 2Pas0s. Integrante do colectivo de hip-hop galego Verso Libre, Ballesteros colabora ás veces con outros artistas, así como ca produtora Kambio Estudio.

 

 

Pálida

Pálida é un proxecto de música electrónica cun estilo, orgullosamente, inclasificable dentro deste xénero. Con 10 traballos publicados e no medio do undécimo, a súa música defínese como unha amálgama de referencias que van desde o rock electrónico ata o shoegaze pasando polo Detroit techno, combinación que resulta nunha experiencia única á par que psicodélica e que chega á súa máxima expresión nos seus intensos directos.

 

  noticias