Integrada por cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar voz a este novo proxecto, destaca a creación dun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas célebres ou textos dos poemarios de escritoras contemporáneas. Todo baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, pop, ou folk, e fai do seu repertorio un fantástico calidoscopio musical.En decembro de 2017 saíu á rúa o seu primeiro traballo discográfico, “Bailando as rúas”, onde contaron coa produción musical de Adrián Saavedra e as colaboracións de Guadi Galego e Tanxugueiras. Tras o éxito acadado e despois de dar máis de setenta concertos en ano e medio, dentro e fóra do noso territorio, presentan en 2019 o seu segundo disco, "Fábrica de luz”; un álbum de creación, reflexión e homenaxe en torno á idea de nai entendida nun sentido amplo. A lingua e a terra, son as primeiras nais, fábricas de luz. As creadoras que nos precederon e as que nos acompañan nesta viaxe son tamén fábricas de luz. As nosas nais, as vosas nais, todas as nais son fábricas de luz. Son fogar, tempo e amor incondicional. Son poder, loita e memoria.Actualmente atópanse embarcadas na presentación do seu último EP "Hasme oír", un disco dedicado na súa totalidade a Xela Arias, escritora homenaxeada nas Letras Galegas 2021.A banda da Loba son: Andrea Porto Mato (baixo), Estela Rodríguez Carvalho (violín), Inés Mirás (guitarras), Marcela Porto (percusión) e Xiana Lastra (voz).
Contratación
Seispés Producións CreativasXiana Lastra 682 410 689 info@seispes.com