Vocalista e compositora de Santiago de Compostela, filla de dúas culturas: palestina e galega. Interesada pola música desde nena, forma parte de coros polifónicos e grupos de música tradicional galega cando crea os seus primeiros temas. Aos 17 comeza a tocar a guitarra e as súas composicións vólvense máis persoais, a súa voz vese influenciada por jazz, rock ou world music.Estuda Educación Musical e Música Moderna; afonda na técnica vocal e a súa pedagoxía, percorre Noruega, EEUU, Xordania, India, Portugal, Xapón e, tanto en solitario como en grupo, realiza varios traballos destacando a súa participación en Coro da Rá e Os Tristáns. Entre 2003-2011 colabora en publicacións e incorpora novas influencias na súa linguaxe, sonoridades de Brasil e África mesturadas coas súas raíces e con jazz que imprimen unha profunda pegada na súa evolución.Debuta en 2013 co disco-libro “Na lingua que eu falo”, unha elegante e profunda mirada sobre os poemas de Rosalía de Castro; a compositora galego-palestina reúne a súa bagaxe musical para crear un traballo íntimo e delicado, finalista nos XIII Premios Opinión de Música como Mellor Novo Artista e Mellor Tema Orixinal.En 2016, guiada pola súa crecente curiosidade e a necesidade de aprender máis sobre as súas raíces, trasládase temporalmente a Xordania para indagar no canto árabe e a teoría da música oriental. O seu último traballo, “Ela sabe a sol”, nace desta estancia, un son propio e único e premiado como Mellor Álbum de Músicas do Mundo na VII Premios Martín Códax da Música.