SonDeSeu é unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea. O seu repertorio consta de temas procedentes da tradición oral da música popular de Galicia, arranxados especialmente para a formación polos seus compoñentes e responsables das distintas seccións, que abranguen gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada.SonDeSeu naceu en 2001 no antigo departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios, hoxe Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo, e-Trad, experiencia singular que persigue a fusión entre formación especializada, práctica escénica e música en comunidade. Desde entón leva unha traxectoria ascendente que a proxecta no panorama español e internacional, con tres publicacións discográficas e numerosos recoñecementos públicos. Os concertos ao vivo son unha celebración da recuperación do patrimonio oral e a súa integración na modernidade urbana no que o público, integrado por xente de diversa idade e procedencia cultural, toma parte activa. Na actualidade, en colaboración co Concello de Vigo, SonDeSeu lidera o proxecto ENFO (European Network of Folk Orchestras) no que se está a impulsar a creación de novas orquestras por toda Europa para consolidar unha rede estable de participación e intercambio.
Contratación
NALGURES Producións S.L (+34) 982 250 245 nalgures@nalgures.com