Despois de formar parte de bandas coruñesas como Mephisto’s, 69 Monxas e Moro, Luis inicia unha traxectoria persoal cunha primeira parte composta por dous traballos de son rock, directo e contundente: “Psicodelia?” (2003) e “Los Vulnerables” (2005).Pero o universo musical de Luis Moro dá un xiro co seu terceiro traballo “Defectografía” (2006), onde inicia o que se podería denominar unha triloxía sonora de inspiración introspectiva. Este traballo navega pola noite, a soidade e a estrada; sucédelle “Carnaval humano” (2010), un disco de natureza árida, de ruptura e reflexión desde a dor á superación. “Cielo color Burdeos” (2013) culmina a triloxía recollendo varios momentos da vida de alguén que compartiu, xunto a cinco mulleres e co viño polo medio, unha relación íntima.En 2017, Luis Moro publica “El pacto”, un disco nostálxico, literario, e dunha intimidade esmagadora que simboliza o pacto dun consigo mesmo, de renovación vital ante as adversidades emocionais.O último traballo leva por título “Norteamericana aquí” (2020), un álbum producido por Jose García no que, logo de máis dun ano dándolles forma, revisa e castelaniza dez cancións de artistas norteamericanos contemporáneos que marcaron ao autor: Calexico, Wilco, Devendra Banhart ou Ani Difranco, entre outros. Un disco que serviu para abrirse e probarse, como unha porta cara a un novo horizonte, tamén na súa gravación: cinco cancións graváronse na Coruña, e as outras cinco en Xerez da Fronteira.
Contratación
Luis Moro (+34) 690 376 088 contacto@luismoro.net