• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE XANEIRO

Videoclip Club. Edición de xaneiro
26 XANEIRO 2017

Primeira edición de 2017 do Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes, unha selecta lista de vídeos en YouTube á que cada mes incorporamos cinco novos clips.

 

Si te desanimé · ARIES

Quen ten un amigo, ten un tesouro. E un superheroe. E un cabezudo. E o mítico que ten unha ampla colección de bonequiños que compartir (o friki, friki)... Aries tenos a todos. Como oda ao cariño, a forza da amizade e con motivo da reedición de Mermelada dorada (La Castanya, 2014), a artista presentaba o videoclip de “Si te desanimé”, unha orixinal peza audiovisual gravada polos seus amigos e montada pola mesmísima Isabel Fernández Reviviriego. Cans, gatos e furbies incluídos!

 

 

 

Phrases for Pulling · Agoraphobia

Absterse os que padezades de medo escénico, porque este vídeo fará que os levedes as mans á cabeza. As rapazas de Agoraphobia tiveron a xenialísima idea de realiza un lyric vídeo que acompañase a primeira versión do tema “Phrases for Pulling”, pertencente ao seu álbum debut Dirty Little Things (Dotbeat!, 2014). Seica soa ben, non? Ata que vemos a letra da canción recortada e pegada nunhas cartolinas negras –moi old school todo– suxeitas por xente... que non é Agoraphobia. E é que cando dixemos “xenialísima”, referiámonos a que os protagonistas do vídeo son fans da banda e demais viandantes que foron atopando polas rúas de Santiago de Compostela (nos que incluímos as Dos Marías, un peregrino e Elvis Presley), e que viva a improvisación!

 

 

 

The Sailor's Hornpipe/Pasacorredoiras · Luar na Lubre

Recíbennos cun sorriso e iso mesmo é o que se nos debuxa a nós na cara cando empezan a soar os acordes de gaita e violín. Logo, quítannos o salouco coas vistas de paxaro de Muxía e a Costa da Morte en todo o seu esplendor. Luar na Lubre escolleu a azotea do albergue Bela Muxía para gravar en directo a canción “The Sailor’s Hornpipe/Pasacorredoiras”, do seu disco Extra:mundi (Warner Music Spain, 2015), e darlle a benvida así á súa nova violinista Antía Ameixeiras. O tema combina tres melodías: unha danza mariñeira das illas británicas, un pasarrúas de Poio (Pontevedra) e outro de Vilalba (Lugo), que invitan a bailar. E iso mesmo é o que fai o público, dende o máis pequeno ao máis maior. 

 


 

 

E isto é o amor · CAXADE

O pok-folp de banda de música de CAXADE foi o encargado de musicar o poema do escritor galego Séchu Sende “E isto é o amor” que, ademais, dá nome ao seu último traballo, E isto é o amor (Discos da Máquina, 2016). Dirixido por Leandro Lamas e con Javier Antelo detrás da cámara, no vídeo, que se presentou como single-adianto do álbum, o cuarteto contou con actores de Carrachanacacha Teatro para representar o seu particular xeito de ver o amor, onde todos son felices, comen perdices e a vida termina sendo unha verbena con público incluído!

 


 

 

Algo diferente · La casa de los Ingleses

O primeiro videoclip de La casa de los ingleses é algo diferente e desde un punto de vista diferente... E é que o título da canción xa nos daba algunha que outra pista. Rodado en Pontevedra por Juan Carlos Pérez (El Espejo Mágico) e José Aragunde, o vídeo que acompaña a “Algo diferente”, incluída no seu álbum debut Punto de partida (2015), amósanos, en tons cálidos e aire retro, as peripecias dun animal de compañía (ninja?) na cidade do Lérez a ritmo pop-rock. Toda unha aventura chea de novas experiencias, desde que sae da gaiola ata que se atopa con todo e todos, e que remata cun merecido mergullo nunha piscina. Tamén aparecen os integrantes do grupo que si, algo de protagonismo tamén lle rouban á súa mascota no clip.

 

 

 

  noticias