• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. XANEIRO 2017

Novos lanzamentos. Xaneiro 2017
3 FEBREIRO 2017

 

 

Zoo para DosVillanueva

Despedía a súa viaxe de ida con catro sold outs consecutivos, unha viaxe que comezou para atoparse a si mesmo onde a graza residía na propia viaxe e non en chegar a porto. Desfrutando do que atopou, Villanueva está de volta con Zoo para Dos (Sony Music Spain, 2017), o seu segundo traballo discográfico, gravado en Reno Estudios (Madrid) e producido por Ángel Luján. Con este LP, o cantautor vigués afonda nos recunchos máis pracenteiros e hedonistas do ser humano (arte, sexo, viño...) a través de dez cancións eclécticas e arriscadas cunha impecable base pop. Entre guitarras, baterías e sintetizadores aparece “Ella”, un primeiro single enérxico que resume o álbum: melodías brillantes, guitarras protagonistas e, indubidablemente, os cambios vocais do artista; creativo, arriscado, un disco co que "te decatas de que o pop aínda pode sorprender", en palabras de Nacho Cano, e que, predecimos, camiña cara a converterse nun dos grandes títulos da escena indie de 2017.

 

 

 

 

#StraightouttacomposComando Katana

Tres anos, varios adiantos e un hashtag resumen o novo álbum de Comando Katana, Straight Outta Compos (2017). Gravado, mesturado e masterizado por D3 en Ms Records entre 2015 e 2016, o EP de 7 cortes está máis enfocado ao rap e conta coa única colaboración vocal do valenciano Charly Efe en “Por haces o por bes”, onde tamén escoitamos un beat do produtor sevillano Hueco. YouTube foi a plataforma escollida para publicar o álbum, que ahora se atopa tamén en Spotify, e onde presentou, días despois, o videoclip oficial que acompaña a “Así soy yo”, con letra de Erin Castro, produción de Kcho Beats e realización por parte de Smooth Shot Visual.

 

 

 

 

ViaxeSubmarino

Desenrolamos a alfombra vermella baixo o océano Atlántico con motivo da estrea dunha nova banda. Submarino, grupo galego de música electrónica composto polo artista británico Gavin Matthews, irrompe no panorama musical fusionando os sintetizadores dos anos 70, o pop dos 80 e o dance do 2010. E faino pisando forte, co seu EP debut Viaxe(2017), onde a súa electrónica particular ponlle banda sonora ás augas atlánticas de Cíes, Vigo, Baiona ou Fisterra.

 

 

 

 

Nada queda • Adán Jorge

Influenciado pola música popular brasileira, a música de autor e o jazz, o lucense Adán Jorge estreábase no mercado en 2013 cun disco producido por Xoán Curiel e coas colaboracións estelares de Paulo Silva, Alberte Rodríguez, Najla Shami e Ariel Ninas. O guitarrista e compositor, ecléctico en estilos pero mantendo a riqueza das súas letras, vén de publicar o seu segundo traballo, Nada queda (Rock CD Records, 2017). Gravado no estudio da Radio Galega por Toño Vázquez e mesturado e masterizado por Carlos Diéguez, o álbum combina estilos coma o funk ou a bossa nova, melodías que casan á perfección cos temas de carácter máis lírico e intimista, con letras que afondan nas sinxelas emocións da vida cotiá.

 

 

 

 

VendettaPresumido

Con menos dun mes de vida, o primeiro longa duración de Presumido xa é un dos hitos deste 2017. Vendetta (Music Bus, 2017) fusiona os elegantes acordes do synth-pop británico dos 80 coas frescas melodías do electro-pop; unha combinación do clásico e o contemporáneo que resulta nun traballo arriscado, atrevido, con personalidade. Composto por 10 pezas gravadas e mesturadas nos Estudios Planta Sónica (Vigo) baixo a producción de Iago Lorenzo, este álbum estará seguro nas listas do mellor do ano e nos deixa os que poderían ser os primeiros clásicos do, agora, dúo. O single “Necrotú y yo” destaca pola súa portada, inspirada n’Os amantes de Magritte, pero, sobre todo, pola esmerada produción electrónica e a melodía extraordinaria desta peculiar historia de amor. De feito, converteuse na canción máis viral de España en Spotify en decembro de 2016. Agora "Ahógate" vai polo mesmo camiño.

 

 

 

 

Architects of MisfortuneVörtex

Non imos xulgar o disco polo título, porque estes rapaces o que constrúen son sorpresas, non desgrazas. Baixo o título Architects of Misfortune (2017), Vörtex presentaba o seu último traballo —que eles definen como o mellor da súa carreira— a mediados de xaneiro. Doce temas compoñen o álbum, producido, gravado e mesturado por Iago Pico en Pousada Son Studios (Ames), logo dunha exitosa campaña de crowdfunding. Predecimos un ano de estrada e manta con este pedazo disco baixo o brazo, no que sorprenden con pezas máis arriscadas como “Shadows”, algo afastadas do melódico, pero mantendo a súa raíz metalcore.

 


 

 

 

 

La GitanaEstrambote

Logo de todas esas actuacións ao longo e ancho de terras galegas, aos vigueses Estrambote sobroulles unha canción con base psicodélica e mestura de rumba, flamenco e pop instrumental; e igual que o parruliño feo convertíase en cisne, esa canción terminou converténdose en single. La Gitana, gravada no Estudio Terraforma en Hío (Pontevedra), contou con Ibán Pérez e Manu Sanz na edición, remasterización e palmas. Mención especial á bailaora da portada, cortesía do Bazar Jamaica ubicado no Mercado da Pedra (Vigo), famoso pola venda de obxectos de contrabando en tempos «pasados».

 


 

Se queres estar ao día dos novos lanzamentos dos artistas e grupos de galiciantunes.com sigue as nosas listas de novidades en SpotifyYouTube.

  noticias