Os d’Abaixo apareceron en 2010 co obxectivo de promover e animar bailes e festas tradicionais na contorna de Compostela. O grupo está integrado por músicos vinculados ao folclore de Galiza, procedentes de bandas folk de ampla traxectoria como Berrogüetto ou Fía na Roca.O seu repertorio recolle algunhas das pezas populares máis coñecidas da música galega xunto con novas achegas de fontes tradicionais ou de nova composición. Nos seus directos ofrecen unha selección de música cargada de forza e enerxía, que entronca cun profundo respecto aos patróns da música tradicional co fin de incitar ao baile máis ancestral.En 2014 edítase o primeiro disco do grupo “Ao vivo en Lorient”, que recolle 16 pezas gravadas no festival bretón en 2013. Tres anos despois sae á luz o seu segundo disco, “Quixera ser dos paxaros” (2017), o primeiro gravado en estudio e no que se recollen unha maioría de temas inéditos para o folk galego, resultado do gran traballo de investigación de Xosé Ramón Vázquez, daquela acordeonista do grupo.En 2019 incorpórase Santi Cribeiro e, logo de dous anos de traballo, editan o seu terceiro disco, “Somos a pedra” (2021), onde ademais de tradición e investigación, inclúen temas de composición propia que achegan novas melodías. Contan tamén coa colaboración de Eliseo Parra, Xavi Lozano e María João.Os d'Abaixo son: Richi Marín (percusión), Santi Cribeiro, (acordeón, coros), Gon Goás (guitarra, coros), Xacobe Varela (gaita, bouzouki, voz), Roberto Rama (gaita, saxo, pandeireta, coros), Quim Farinha (violín, coros).
Contratación
CulturactivaIsabel Vilaseco +34 81 58 28 36 info@culturactiva.org