“Diante un eco” é o oitavo traballo discográfico de SÉS. Un título que fai referencia á concepción cíclica da historia, tristemente avalada pola deriva sociopolítica dos nosos días.É tamén unha volta aos inicios, pero desde o oficio e a madureza, e sobre todo desde unha visión alternativa da sofisticación, horizontal e intercultural. Unha sólida reafirmación na estética popular da que a cantora se considera amante e deudora, sen complexos e sen renunciar á calidade poética que a caracteriza.SÉS, acompañada de toda a súa banda, voltará pisar as táboas dos principais escenarios de Galiza, España e Latinoamérica para presentar ao vivo este novo disco.SÉS é un auténtico fenómeno underground que basea o seu éxito na súa forza persoal e nun discurso valente, novidoso, contundente e directo que a convirte no altofalante que defende aquilo no que sería ideal crer. Considerada un dos principais referentes da escena musical galega, onde destaca polo seu carisma, a calidade das súas letras e o seu poderoso directo, a súa música viaxa entre ritmos americanos do norte e do sur, en galego e en feminino.SÉS é licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social, e medrou musicalmente no folclore tradicional galego. No seu estilo mestura, con dosis exactas, ingredientes que acadan un resultado orixinal e xenuíno: rock’n’roll, tradición galega e certa cadencia da canción de autor latinoamericana, desde unha actitude punk e con letras elaboradas, honestas e viscerais, que cuestionan o establecido e chaman pola unión e a dignidade.
Contratación
MIRMIDÓN PRODUCCIONESMaruchy Suárez (+34) 667 706 241 maruchy.mirmidon@gmail.com