Uxía, a voz do Atlántico. Uxía concibe escribindo palabras e músicas que saen sempre do máis profundo e íntimo do ser, da alma. Máis de 25 anos de carreira artística que a converten nunha das voces máis populares e valoradas da nosa lingua. As súas cancións teñen sempre a presenza latente ou explícita da música tradicional, cun tratamento anovador e persoal. Sempre tivo a convicción de que un pobo que cantou desde tempos inmemoriais non pode perder un instrumento tan fundamental como a propia voz. Por esa razón, promoveu a creación de grupos de cantareiras como Malvela ou Cantadeiras do Berbés e participou en numerosas experiencias musicais con artistas da talla de Tito Paris, Jessye Norman, Dulce Pontes, Noa, João Afonso ou Chico César, entre outros/as.Salienta tamén o seu labor como produtora musical. Uxía recolle nas súas composicións a esencia de todas esas experiencias que a levaron a un contacto permanente con músicos/as de culturas afíns. Todo xorde e flúe como unha consecuencia natural da relación permanente con artistas destas latitudes e da escoita atenta e continuada das súas músicas ou as músicas tradicionais que as inspiraron.A súa paixón pola mestizaxe consegue unir e reunir voces, instrumentos, ritmos, sons... é un imán para o talento, e así o demostra como directora artística na creación do Festival Internacional da Lusofonía "Cantos na Maré", un espectáculo concibido como punto de encontro de artistas da área lusófona.
Contratación
Damadriña Producións Marina Carracedo (+34) 628 792 864 info@damadrina.com