
Caamaño&Ameixeiras é un dos grandes expoñentes a nivel internacional da nova música tradicional galega. Resignificando a música e o baile de raíz cos sons máis contemporáneos, o dúo está expandindo o seu talento alén das fronteiras galegas. O seu tratamento íntimo e profundo da tradición popular galega está levando a Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras a destacar no panorama estatal e internacional. Cunha posta en escena impactante, coidada e atrevida, contan xa con grandes e numerosas actuacións, levando os seus directos a países como Italia, Bélxica, Francia, Portugal, Eslovaquia, República Checa ou Austria. Ademais, as súas cancións acumulan xa centos de miles de escoitas en plataformas dixitais, os seus discos levan miles de copias vendidas e veñen de colaborar con artistas da talla de Rodrigo Cuevas. O grupo galego inspirou o seu traballo no universo popular, sendo creadoras dunha atmosfera onde a realidade, a maxia e a relixión conflúen. Nestes últimos anos de carreira, a súa música mudou deses sons alegres e ese carácter colaborativo a un aspecto máis escuro e íntimo, acadando un éxito que as levou a alzarse cun Premio Martín Códax da Música na categoría de Folk, ademais de tocar en importantes festivais como o Interceltique de Lorient, o Festival de Ortigueira, o Festival Tradicionàrius de Barcelona, o Revenidas ou o Osa do Mar.
Contratación
PlayPlan Cultural Andrés +34 986 903 509 - +34 696 874 302 contratacion@playplan.es