
O Desfile de Estrelas do coruñés barrio de Eirís escoitou as primeiras muiñeiras tocadas por Xabier Díaz (A Coruña, 1969) nunha gaita que o seu melómano avó materno tivo a ben mercarlle cando a década dos 80 alborexaba. O instrumento converteuse nun vehículo que facilitou a chegada de Xabier a Xacarandaina, Rumbadeira, e sobre todo á descuberta dun mundo descoñecido, o da música tradicional que aínda naquela altura gardaban as aldeas. Hoxe é un dos nomes propios da música de raíz galega. Formou parte do célebre e xa extinto grupo Berrogüetto entre 2008 e 2014. Paralelamente, participou xunto a Guadi Galego, Xosé Lois Romero e Guillerme Fernández no proxecto aCadaCanto, co que publicaron dous discos.Sucedéronse os premios e sobre todo o máis importante, o nacemento dunha nova formación xunto coas Adufeiras de Salitre coa que desde o ano 2014 foron deixando retrato do traballo feito en catro discos, “The Tambourine Man” (2015), “Noró” (2018), “As Catedrais Silenciadas” (2020) e “Axúdame a sentir” (2024). A banda leva unha cantidade de concertos que viaxa camiño dos 400 e que deixou pegada en Bos Aires, Oslo, Lisboa, Alxer, Glasgow, Bariloche, Colonia, Londres, Gotenburgo, Roterdam ou Bruxelas, por poñer algún exemplos.Os discos gañaron recoñecemento da crítica especializada e do público, cun destacado éxito de vendas e repercusión na world music. As Catedrais Silenciadas estivo tres meses no Top Ten da WMCE e acadou o Premio Martín Códax na categoría de Música Tradicional en 2020.
Contratación
Alicia Arias / Aitana Cuétara (+ 34) 623 033 524 - (+ 34) 646 16 50 44 contratacion@xabierdiaz.com / aitana@luneda.gal