Seis meses despois da presentación do seu primeiro EP Akureyri, que lles valeu a nominación aos premios galegos da música, Sub Rosa voltan cun disco que pretende sacudir as fronteiras entre a electrónica e o indie rock. Cun novo equipo de músicos entre as súas filas preséntannos nove temas directos, compostos en apenas catro meses e mesturados no estudio A Ponte por Tomás Ageitos. As antigas paisaxes instrumentais dan paso a unha música que se planta diante do oínte, sen excusas, con toda a gravidade do presente, mais apelando constantemente á única fonte de liberdade: a imaxinación, a metáfora como forma de insubmisión, a voz que escapa á mensaxe directa denunciando a mentira de calquera mensaxe nun mundo privado da palabra. Estamos ante un disco de evolución, que conserva as raíces do electrónico (Fuck Buttons, TSOWC, Dan Deacon) pero se abre aodiscurso directo do noise rock e o shoegaze (TAB, Disco las Plameras!, The Jesus and Mary Chain, Pixies). Un discurso cohesionado que atopa a través do ruído un vehículo de expresión, mais tamén un disco de temas, de melodías difíciles de olvidar, buscando unha simbiose entre o consumo rápido e a reflexión consciente. Muros de son de guitarra, capas e capas de sintetizadores, voces falando máis aló da música; caixas de ritmos e toms salvaxes, distorsión, distorsión; un clímax que nunca chega e xa está aquí.
Contratación
Xalo Gayoso / Helga F. Blanco (+34) 671 969 244 - (+34) 663 625 610 subrosamusik@gmail.com