É ben coñecido o interese da Sociedade Liceo de Noia pola música popular galega. Dende hai máis de vinte e cinco anos, a sociedade imparte obradoiros de baile e música tradicional, e ten feito verdadeiros esforzos económicos para que os compoñentes do grupo, dende os máis novos ata os máis cativos, luciran un vestiario e instrumentación acorde coa súa calidade artísitica.Son xa moitos os mozos e mozas, e varios os monitores, que algún día formaron parte do grupo. Este esforzo de todos, naturalmente, deu os seus froitos: hoxe o Liceo posúe unha grande escola á que acoden máis de sesenta persoas de todas as idades. Esta escola foi o berce onde nos anos oitenta abrollou o grupo A Subela, cun nome moi ligado á tradición zapateira de Noia.O grupo ten participado en multitude de festivais, romarías e concursos, e ten interpretado concertos. Tamén editou un traballo discográfico chamado "A Subela": un traballo madurado ao sol do esforzo continuado, sen présa pero sen pausa, como maduran as boas froitas, día a día.Como en todo traballo artístico de calidade, quedan atrás horas e horas de ensaio, de renuncia a outras actividades de lecer. Neste traballo callan anos dedicados á investigación, á recollida de cantigas, xeitos e músicas para que as saboreemos nós e as xeracións vindeiras, para que non desaparezan na escura noite do tempo.Un traballo feito con tanta ilusión coma arte, con tanto corazón coma amor pola nosa terra e os nosos costumes. Un traballo de galegos para galegos.
Contratación
Sociedade Liceo de Noia (+34) 981 820 535 - (+34) 698 110 475 liceonoia@gmail.com