• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

11 LETRAS GALEGAS

11 LETRAS GALEGAS
17 MAIO 2017

Moitos grandes autores galegos foron distinguidos no Día das Letras Galegas, desde Rosalía de Castro en 1963 ata Carlos Casares, á quen se lle dedica o día este ano. Para celebralo, seleccionamos unha serie de poemas que foron musicados o interpretados polos nosos artistas e grupos e que pertencen a once dos homenaxeados, porque cremos que non hai mellor forma de facer unhas letras aínda máis inmortais que con música.

 

“Amemos” - Gelria

 

Homenaxeado: Carlos Casares (1941-2002)

Ano: 2017

Poema: Amemos

 

Carlos Casares é o escritor galego homenaxeado este ano. Finado en 2002, este literato é coñecido sobre todo pola súa narrativa adulta e infantil, pero tamén foi poeta, e son os versos de “Amemos” os que Gelria musica co motivo do Día das Letras Galegas seguindo a liña do seu éxito do ano pasado Cantos de poeta (Gelria, 2016). Os versos foron adaptados polo percusionista Mario G. Cortizo.

 

 

“A Vaca” - Uxía e Magín Blanco

 

Homenaxeado: Manuel María (1929-2004)

Ano: 2016

Poema: A Señora Vaca

 

En 2016 o honrado no Día das Letras Galegas foi Manuel María. Escritor e político, é difícil encadralo debido a que ao longo da súa carreira probou un grande abano de temáticas e estilos. É un dos poetas máis musicados, podendo atopar moitas cancións baseadas en varias das súas obras. A que traemos hoxe é “A señora vaca”, que Uxía e Magín Blanco incorporaron ao seu traballo Canta o cuco (Editorial Galaxia, 2015) baixo o nome de “A vaca”, tema que foi usado por varios profesores como actividade de clase para os máis cativos. De feito, foron estudantes de primeiro e terceiro da ESO quen realizaron os debuxos que se utilizaron no vídeo da canción.

 

 

“Cando ti volvas” - 2naFronteira

 

Homenaxeado: Valentín Paz Andrade (1898-1987)

Ano: 2012

Poema: Cando ti volvas

 

Xurista, político, empresario, poeta e periodista, ao pontevedrés Valentín Paz Andrade dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 2012. Por este motivo, o grupo 2naFronteira musicou e interpretou ese mesmo ano o seu poema "Cando ti volvas", do libro Pranto Matricial (1955). Con só un piano e cantado en directo cunha sensibilidade exquisita o dúo é quen de transmitirnos todo o sentimento destes versos.

 

 

“Quen puidera namorala” - Eladio y los seres queridos

 

Homenaxeado: Álvaro Cunqueiro (1911-1981)

Ano: 1991

Poema: No niño novo do vento

 

Álvaro Cunqueiro é considerado un dos grandes autores galegos, tanto en castelán como na nosa lingua. En 1991, unha década despois da súa morte, se lle dedicou o Día das Letras Galegas. Que “No niño novo do vento”, un dos seus poemas, sexa coñecido popularmente como “Quen puidera namorala”, débese a que con este título foi musicado e cantado por Luis Emilio Batallán no seu álbum Ahí ven o maio (1975). A que traemos é a versión de Eladio y los Seres Queridos, na que colaboraron Ari Magritte e Gala Santos e que está incluída no seu último traballo, Cantares (Esmerarte, 2016).

 

 

“Hoxe canto en libertá” - Budiño e Luis Tosar

 

Homenaxeado: Celso Emilio Ferreiro (1912-1979)

Ano: 1989

Poema: Ti e máis eu / Spiritual

 

Dedicado a el o Día das Letras Galegas en 1989, Celso Emilio Ferreiro foi un político e escritor galego que destacou na súa faceta de poeta. “Ti e máis eu” e "Spiritual" pertencen á obra Longa noite de pedra (1962), que é a obra máis popular e representativa da lírica galega de posguerra. Budiño ponlle música a estes poemas mentres, Luis Tosar, interpreta os versos, deixando así unha actuación dificilmente esquecible.

 

 

“Ancello do silencio” - Deusa Tola

 

Homenaxeado: Afonso X o Sabio (1221-1284)

Ano: 1980

Poema: Ancello do silencio

 

Afonso X de Castilla, tamén chamado O Sabio, foi o rei de Castela e recoñecido non só polo seu reinado, senón pola súa obra literaria, científica, histórica e xurídica realizada polo seu escritorio real. As Cantigas de Santa María que pertencen a súa obra literaria, foron escritas en galego-portugués, a lingua culta da época. Como cancioneiro leva notación musical pero moi difirente da actual cos consabidos problemas de transcripción.  Deusa Tola fai unha adaptación da cantiga que xa fora incluída polo grupo DOA no seu disco Arboretum (2002).

 

 

“Sós” - Milladoiro

 

Homenaxeado: Manuel Antonio (1900-1930)

Ano: 1979

Poema: Sós

 

Coñecido como o Poeta do Mar ou o Poeta da Liberdade, Manuel Antonio foi homenaxeado no ano 1979. Moi partícipe na vida literaria e política galega desde pequeno sempre cunha actitude radical e rebelde, o poeta escribiu a súa obra na súa lingua natal, o galego. No poema “Sós”, musicado por Milladoiro, transmítenos a soidade e as perdas que sofren os mariñeiros.

 

 

“As froliñas dos toxos” - Evoéh

 

Homenaxeado: Antonio Noriega Varela (1869-1947)

Ano: 1969

Poema: As froliñas dos toxos

 

En 1969 o homenaxeado foi Antonio Noriega Varela, periodista, celebrado poeta e destacado membro das Irmandades da Fala. Un do seus poemas máis famosos “As froliñas dos toxos”, pertencente aos poemas franciscanos dedicados á natureza, foi musicado por Eduard Toldrá e arranxado polo grupo Evoéh que busca conciliar a música culta e a popular sacando o mellor de ambas.

 

 

“O Maio” - Os Amigos dos Músicos

 

Homenaxeado: Manuel Curros Enríquez (1851-1908)

Ano: 1967

Poema: O Maio

 

Nado en Celanova (Ourense), ao poeta Manuel Curros Enríquez dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 1967. Dentro da súa obra Aires da miña terra (1880) atopamos o poema "O maio", co que denunciaba a miseria rural. O poema musicado en 1975 por Luis Emilio Batallán baixo o título "Ahí ven o maio" abría e daba nome ao seu primeiro álbum convertido hoxe conventido nun clásico. Os Amigos dos Músicos fixeron esta versión para o seu primeiro LP, Os Amigos dos Músicos (Gran Derby Records, 2016), para convertila nunha balada reinvindicativa sen perder o seu son orixinal, a súa frescura e a súa personalidade.

 

 

“Lela” – María do Ceo

 

Homenaxeado: Castelao (1886-1950)

Ano: 1964

Poema: Lela

 

Castelao foi o honrado en 1964 no Día das Letras Galegas. Non escribía poesía pero os versos de “Lela” parecen obra dun consumado poeta. Pertencente á obra de teatro Os vellos non deben de namorarse, que viu a luz por primeira vez en Buenos Aires en 1941, é un poema dedicado a un amor que xa chegou ao seu fin. A música é obra de Rosendo Mato Hermida (1914-1994) que a compuxo con motivo da estra da obra en Galicia en 1961. Nesta versión chea de dozura, María do Ceo logra transmitirnos toda a melancolía do poéma.

 

 

“Negra Sombra” - Najla Shami

 

Homenaxeada: Rosalía de Castro (1837-1885)

Ano: 1963

Poema: Negra Sombra

 

Co centenario da obra Cantares Gallegos (1863) comezaba en 1963 este tradicional Día das Letras Galegas. "Negra Sombra" pertence ao segundo libro de Rosalía de Castro, primeira homenaxeada, titulado Follas Novas (1880). Este poema foi muscado en 1982 por Juan Montes (1840-1899) como balada contida na obra Fantasía para gran orquesta. O tema foi versionado en numerosas ocasións pero nós eliximos esta de Najla Shami, que o interpreta cunha delicadeza e unha elegancia á que é difícil resistirse.

  noticias