
Linho do Cuco é un grupo lalinense de música contundente. Música tribal galega mesturada coa sonoridade dunha orquestina paneuropea. Bombo, tambor, pandeiretas, gaita, acordeón, zanfona, óboe, frauta… e oito guapísimos mozos rebordando clase e enerxía sobre o palco. Oito músicos profesionais que nos ofrecen un concerto para escoitar e bailar.O novo disco de Linho do Cuco está inspirado no interior de Galicia e por iso leva o nome das entrañas do animal: "As Alegrías". É un disco corado polo aire cortante do montés do interior de Galicia que os cabalos salvaxes fan asubiar co seu galope. Mais tamén é un disco que torna o frío interior polo repertorio que contén: repertorio de tabernas, de banda, de verbena, de orquestras do interior. Dos Padernes do Courel, do Quinteto Monterrei, da Banda de Veteranos de Lalín, da Republicana de Bermés... Linho do Cuco non fan revisións vintage. Desde a tradición, Linho do Cuco ofrecen unha proposta de música POPular actual para as sesións vermú e as verbenas. Para gozar do día de festa da mañá a noite.Linho do Cuco son: Pablo Bernárdez (zanfona), Xián Herrera (gaita, pratos, piano de xoguete), Pablo Doval (tuba), Miguel Touriño (bombo), Pablo Pardo (frautas), Marcos Pérez (percusión), Carlos Quintá (acordeón diatónico) e Benxamín Otero (óboe e corno inglés).
Contratación
aCentral Folque Olga Nogueira (+34) 698 138 554 - (+34) 881 031 829 promotion@folque.com